Homenaxes a Robert Wise e Abel Ferrara na próxima edición do Festival de Cinema de Donostia, que analisará nun ciclo os cambios na situación social da muller

O pasado venres tivo lugar o acto de presentación da edición número 53 do
Festival de Donostia, que se desenvolverá entre os días 15 e 24 de setembro. 53 foron tamén os filmes dirixidos por Alfred Hitchcock, e é por iso que o o grande mestre británico ocupa o cartel do certame nun ano no que se cumpren vinte e cinco do seu falecemento. Na presentación deuse a coñecer o moi apetecíbel contido das tres retrospectivas deste ano:
Robert Wise,
Abel Ferrara e o ciclo
"Rebeldes e insumisas".
Robert Wise ocupa, claro, a
retrospectiva clásica, e tendo en conta que aínda vive é fácil intuir que farán todo o posíbel para traelo até a fermosísima cidade cantábrica (¿Premio Donostia, quizá?). Robert Wise fixo practicamente de todo e case sempre ben. Empezou no mundo do cinema como montador, deixando a súa pegada en dous títulos míticos de Orson Welles,
Citizen Kane e
The magnificent Ambersons. En 1944 debutou como director co produtor Val Lewton en
The curse of the cat people, ameazador nome para unha obra que realmente tiña ben pouco que ver con
Cat people, a maxistral xoia de Jacques Tourneur da cal era en teoría continuación. Aínda dentro do fascinante territorio da serie B Robert Wise fixo
The body snatcher, marabillosa adaptación do relato de Robert Louis Stevenson
O ladrón de cadavres protagonizada por Boris Karloff e Bela Lugosi. En 1951 chegou un dos maiores fitos da súa filmografía,
The day the earth stood still, aquí chamada
Ultimátum á Terra, unha indiscutíbel obra mestra da ciencia ficción con mensaxe. Con películas como
Executive Suite ou
I want to live! confirmou a súa condición de cineasta todo-terreo, un dos poucos capaces de saír ben parado de calquera proxecto por disparatado que parecese, mesmo algo tan absurdo como levar á pantalla unha peza de teatro musical moi complexa e arriscada:
West side story. Wise e Jerome Robbins souberon facer unha versión modernísima e estilizada do musical sen necesidade de simplificalo en absoluto. Foi un éxito colosal ao que lle seguiría logo outro aínda maior,
The sound of music, con certeza unha das historias mais cursis da historia do cinema pero tamén unha das obras cunha cifra mais alta de boas cancións por metro de celuloide, como ben sabía John Coltrane. A Academia de Hollywood recompensou o seu esforzo con catro premios "Oscar" na súa dobre condición de director e produtor dos dous filmes. Unha nova e brillante incursión no xénero fantástico,
The Andromeda Strain, outorgoulle un asento de preferencia no corazón dos afeccionados que nin sequera perdería co seu algo premioso achegamento ao universo
Star Trek.
Abel Ferrara, obxectivo da
retrospectiva contemporánea, é un cineasta de culto, un deses que nos noventa parecía imprescindíbel, autor de varios filmes rodeados de certa polémica como
Bad Lieutenant ou
The addiction. A homenaxe servirá para revisar o seu traballo coa perspectiva sempre sabia que nos dan os anos transcorridos, non demasiados no seu caso pero que a efectos cinematográficos poden acabar sendo unha eternidade. Se de paso que vén el aparece pola cidade algún dos seus actores-fetiche, como Christopher Walken ou Harvey Keitel -tan apropriados para un
Premio Donostia calquera deles- mellor que mellor.
Rebeldes e insumisas é o título da
retrospectiva temática que este ano intentará reflectir como amosou o cinema a evolución do papel da muller na sociedade. De
7 women a
Thelma & Louise, de
Mae West a
Patricia Reyes Spíndola, e por suposto a habitual
cota mesopotámica, nun deses ciclos eclécticos e sorprendentes que empezan a ser un dos sinais de identidade do certame donostiarra.
E nada mais, polo de agora. Fica por saber, claro está, cales son os títulos que encherán a sección oficial e o Zabaltegi, información que imaxino non quedará totalmente pechada até o verán (e nalgúns casos até ultimísima hora), e é obvio que o sentimento de éxito ou de decepción que nos poida deixar o festival dependerá xustamente do que nos ofrezan neses apartados. Non hai que ser moi listo, iso si, para sospeitar que a non ser que soe a frauta veneciana Donostia debera ser o lugar natural de presentación
dun dos poucos filmes de interese que cabe agardar do cine español no que resta de tempada.
¶